Monday 29 de April de 2024

A Xunta lanza a oferta pública de adquisición de inmobles do Programa Rexurbe para rehabilitar vivenda na Coruña, Ribadavia e Tui por un importe de 1,5 millóns de euros


Trátase da cuarta convocatoria pública da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para dispoñer vivendas públicas nos centros históricos das cidades e vilas galegas

A Xunta de Galicia lanza unha nova oferta pública para a adquisición de inmobles do programa Rexurbe, en concreto para rehabilitar vivenda na cidade da Coruña, Ribadavia e Tui, por un importe global de 1,5 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca a cuarta convocatoria pública deste tipo, pola cal a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende adquirir inmobles, rehabilitalos e habilitar vivendas públicas nos centros históricos das cidades e vilas galegas.

A proposta da Consellería de Medio Ambiente para o presente exercicio prioriza a adquisición de inmobles nos concellos da Coruña e Ribadavia, ambos municipios con Área Rexurbe declarada, e tamén en Tui. O importe da actual convocatoria, 1,5 millóns de euros, repartirase entre os tres coa seguinte contía: 1 millón de euros para A Coruña, 250.000 euros para Ribadavia e 250.000 euros para Tui.

Un dos criterios que se terá en conta para a adquisición dos mesmos é o interese da área na que se atope, dando prioridade aos edificios que teñan un valor arquitectónico especial que aconselle a súa recuperación, aqueles cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado e ás ofertas que contemplen a recuperación dunha mazá completa.

En calquera caso, os edificios que se pretendan adquirir permitirán que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas, que poidan facer inviable a actuación; e que os custes de rehabilitación non resulten desproporcionados.

Os propietarios interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 9 de xullo para trasladar á Xunta as súas propostas.

Programa Rexurbe
O Goberno galego puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe, co fin de adquirir inmobles emprazados nos conxuntos históricos e rehabilitar aqueles que poidan ser recuperados ou construír outros novos nos solares baleiros.

As vivendas resultantes cualifícanse como vivendas de promoción pública e pasan a formar parte do parque de vivenda en alugueiro, adxudicándose a través do Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.

O concello de Betanzos foi o municipio que acolleu a experiencia piloto deste programa, e posteriormente, en 2018, 2019 e 2020, realizáronse ofertas públicas de adquisición de inmobles en diferentes localidades.